LIMPEZA NA COSTA DE PORTECELO
40 sacos de
lixo retirados é o balance final da actividade de limpeza da costa realizada na
costa de Portecelo (O Rosal).
A actividade
foi co-organizada por ANABAM e A Jalleira Afea.
Este domingo 20 de marzo a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM)
xunto coa Asociación Forestal e de Educación Ambiental A Jalleira AFEA co-organizaron
unha limpeza pola costa do concello de O Rosal, na zona de Portecelo. O evento
celebrouse no marco da edición número 21 das “Iniciativas Oceánicas”
desenvolvidas pola “Surfrider Foundation Europe” que este ano ten como lema “Ningún respiro ao lixo” (sendo o lema local da nosa
actuación “Por un mar de futuro”). O traballo desenvolvido durante máis de 3 horas polos 27 voluntarios
participantes, 11 deles en idade escolar, foi excelente, a pesares de que o día
amañeceu con algo de chuvia.
Despois de darlle a benvida aos participantes
e dunha breve introdución inicial na que se destacou o que se pretendía coa
acción a desenvolver, a actividade transcorreu con total normalidade. En apenas
750 m lineais de costa recolléronse uns 40 sacos de lixo, equivalentes a uns 5
m3. A maior parte do lixo retirado foron materiais plásticos e
derivados da actividade pesqueira. Tamén se retirou unha roda de coche, varias
maromas de corda, e un tinón de botellas de vidro (para reciclar). Asemade,
fíxose unha recollida selectiva de tapóns (para o proxecto solidario
desenvolvido por Banta) e de utensilios de pesca (para reutilizar), tales como
boias, cortizas, palillos de batea, fichas e xiratorios de plástico, etc. Os
colectivos convocantes queren agradecer, de novo, o traballo desenvolvido por
todos os participantes.
Un dos obxectivos era sensibilizar sobre a
importancia de reducir a produción de residuos, salientando o impacto visual e
ecolóxico que producen nas nosas costas. Cumpre salientar que arredor de 6,6
mil millóns de quilos de residuos chegan ao medio mariño cada ano, dos cales
aproximadamente o 80% son de orixe terrestre, sendo os seres humanos os únicos
culpables. Unha boa parte destes residuos correspóndense con materiais
plásticos. Segundo un estudio publicado en 2014 cerca de 270.000
toneladas de plástico flotan nos nosos océanos, é dicir, 5 billóns de anacos de
plástico. O máis preocupante é que o 90% do plástico mariño vaise rompendo en partes cada vez máis pequenas e acaba
converténdose en micropartículas, as cales son
inxeridas como alimento por todo tipo de animais mariños; polo tanto, parte
destes microplásticos están chegando xa a cadea alimenticia humana.
A actividade rematou despois de facer a “foto
de familia”, agradecendo a participación e repartindo unha serie de agasallos a
todos os participantes: unha monografía editada por ANABAM (Cunchas arreboladas
pola marea), camisetas, bolsos bandoleira, un caderno e un bolígrafo de cartón
reciclado.
O evento contou tamén coa colaboración do
concello de O Rosal que se encarga de retirar os sacos de lixo recollidos e da
confraría de A Guarda que subvencionou os carteis anunciando a realización da
actividade.
Texto de Manuel A. Pombal, vicepresidente de ANABAM
Comentarios
Publicar un comentario